FINAL POETRY SLAM ESTATAL

Poetry Slam é unha modalidade poética na que as participantes teñen tres minutos para dramatizar o seu poema e é o público quen, mediante votacións, decide quen é a gañadora. O Slam de poesía oral e o formato poético de máis convocatoria entre a mocidade. Trinta sedes de todo o territorio estatal están citadas ao encontro. Durante tres días poderemos gozar dunha emocionante aventura poética na que se decidirá quen representará ao Estado no circuito europeo de Slam, e no Mundial.

Que é e como nace o Poetry Slam?

Poetry Slam é unha modalidade alternativa de recital poético. Consiste nun certame no que cada participante conta con tres minutos para dramatizar o seu poema e é o xurado, elixido mediante sorteo entre o público, quen decide cal é o mellor poema, tendo en conta o texto mais tamén o recitado. Ningún participante pode utilizar disfraz, atrezzo ou accesorio algún como elemento complementario na súa dramatización. Soamente está permitido participar utilizando a voz e o corpo. Pódese ler ou recitar de memoria.

Que debe ter un bo slammer?

Iso o decide o público. Pero, por norma xeral, un bo texto, recitalo de memoria, e facer unha boa dramatización dan moi boa puntuación.

Como se decide á persoa gañadora de cada competición?

Repártense cinco pizarras entre o público mediante sorteo. Cada persoa con pizarra ten que puntuar do un ao dez, soamente cun decimal permitido. Faise a suma das tres pizarras intermedias deixando fóra da ecuación a puntuación máis alta e a máis baixa, para evitar amiguismos ou enemistades posibles entre alguén do xurado e alguén das participantes.

Cando será?

O evento será durante os últimos tres días do I Festival de poesía nova, Luz Poética. Concretamente os días 20, 21 e 22 de outubro. O 20 e 21, serán as dúas semifinais no Centro Xove da Almáciga, e o día 22 de outubro será a Gran Final no Teatro Principal.

I SEMIFINAL

20 DE OUTUBRO - 19:00H
CENTRO XOVE DA ALMÁCIGA

II SEMIFINAL

21 DE OUTUBRO - 19:00H
CENTRO XOVE DA ALMÁCIGA

GRAN FINAL

22 DE OUTUBRO - 20:00 H
TEATRO PRINCIPAL